Cen Anos de Historia

Colexio “La Inmaculada”, 100 anos de historia

Quen non coñece en Ponteareas “O colexio das Monxas”? que familia non ten algún membro que fose educado nel ? Non é doado para un centro escolar chegar a cumprir cen anos. Durante un século centos, miles de nenos recibiron...


...unha formación académica nas súas aulas, pero tamén unha educación en valores que lles permitiu afrontar a vida sendo persoas máis íntegras e solidarias.

Este libro non é máis ca un humilde intento de recoller por escrito un mínimo testemuño do que foi a evolución do colexio ó longo destes cen anos. Foron moitas as persoas que coa súa implicación e dedicación fixeron posible a continuidade do centro ata hoxe en día: inicialmente unhas relixiosas francesas das que pouco ou nada se sabe, despois as Nais Franciscanas que desenvolveron o seu labor entre 1910 e 1972, o Instituto Secular Vita et Pax con persoas tan queridas como Venturi, Consuelo, Cecilia, Teresa ou Mª Jesús; e na actualidade a xestión intachable do equipo directivo: Rosa García, Carmela Abalde, Irene Estévez e todo o claustro de profesores. Todas estas persoas merecían e merecen que o seu labor sexa recoñecido e valorado porque sen a súa intervención estes cen anos non serían posibles. Pero, ademais, un centro escolar non subsiste sen a súa base: os alumnos, e pensando neles tamén se fixo este libro, para que poidan atopar nel tamén unha mínima parte dese tesouro de vivencias que para cada un de nós supón a nosa etapa de formación escolar. A idea de escribir este libro xurdiu da conxunción de varios factores que se foron dando simultaneamente. O primeiro o feito de ter a grandísima sorte A autora do libro, Mª Jesús Iglesias Veiga, asinando exemplares o día da presentaciónde coñecer a “Señorita” Consuelo, exemplo de bondade e cariño, de vivir de cerca o bo facer e implicación de Cecilia, de Teresa ou de Mª Jesús Laveda, que daban mostras continuas do espírito de entrega e dedicación ós demais de “Vita et Pax” ou de escoitar falar con admiración e cariño de persoas como Venturi ou a Nai Gemma, a Nai Luísa e un longo etcétera. Un impulso fundamental foron as historias e anécdotas que as profes Carmela Abalde ou Marisefa (que foron a primeiras mestras non relixiosas que entraron a traballar no colexio) contaban sobre a dura etapa de transición entre o adeus das Franciscanas e os primeiros anos de Vita et Pax. Elas falaban das moitas horas que houbo que dedicar ó colexio despois da xornada escolar para habilitar pupitres, clases, etc xa que o colexio “estaba baixo mínimos”. Pero, ademais, comentaban que o colexio non continuaría adiante sen o empeño e empuxe de D.Enrique que foi o que logrou que Vita et Pax se fixese cargo da dirección do centro no ano 1972. Todas estas historias e vivencias fixeron que, pouco a pouco, fose nacendo a idea de escribir algo sobre todas esas vicisitudes. A idea tomou definitivamente forma cando Vita et Pax, a través de Teresa e Mª Jesús, anunciou que debían poñer fin a súa xestión no colexio. Ese era o momento de deixar constancia de que, tras os muros do colexio La Inmaculada, houbo e hai persoas excepcionais e o seu labor non podía quedar no esquecemento. A partir dese circunstancia foi nacendo este proxecto, impulsado primeiro por Teresa Miñana, cando aínda era directora, e por Rosa García, que acompañou todo o proceso de investigación e documentación que houbo que levar a cabo para darlle forma a este libro. Para a elaboración do libro tivéronse en conta todos os documentos que se atoparon no Arquivo Diocesano de Tui, e que facían alusión ó colexio, os documentos do Arquivo Parroquial e os documentos do propio centro escolar.

Toda esta información foise completando cos testemuños orais que moitas persoas foron ofrecendo e que axudaron a ir reconstruíndo unha historia que en moitos momentos se podería definir como “apaixónante”. A través deste libro pódese ir percibindo o gran cariño que moitas persoas lle teñen a este colexio e a profunda implicación educativa de moitos profesionais que pasaron polas súas aulas, sen esquecer o labor das diferentes APAS (agora AMPAS) que traballaron man a man coa dirección para que “La Inmaculada” chegase, pouco a pouco, a ser o que é hoxe en día. O libro está artellado en tres parte e epílogo. Na primeira parte aparece unha breve introdución histórica sobre a situación de Ponteareas nos primeiros anos do S.XX. A segunda parte é a que está máis ligada con todo o proceso histórico e de documentación. Nela se ofrece un percorrido polas principais fases da evolución do centro a través de documentos notariais, cartas, actas, etc.

A terceira parte céntrase máis na vida escolar o como esta foi cambiando ó longo destes cen anos e as transformacións que o colexio foi experimentando. No epílogo recóllese unha relación do persoal docente e non docente relacionado co colexio e algúns testemuños de persoas que estiveron ou están ligadas ó colexio como alumnos, profes, pais, nais, membros de APAS (ou AMPAS) que quixeron deixar constancia da pegada que o colexio da Inmaculada supuxo nas súas vidas. No libro aparecen, ademais, emotivas homenaxes que a profesora Carmela Abalde lle fai a Venturi, D. Enrique, Consuelo e Cecilia, coas que compartiu moito tempo de traballo para salvagardar a continuidade do colexio. Tamén aparece un texto da profe Luz sobre Mª Jesús Laveda e outro de Rosa García sobre o traballo comprometido de Teresa Miñana. Colexio “La Inmaculada”, 100 anos de historia pretende, pois, ser unha homenaxe a aqueles que fixeron posible este centenario: Félix Rodríguez González, sen o cal este colexio non existiría , as Nais Franciscanas, O Instituto Vita et Pax, D. Enrique Troncoso, o actual equipo directivo, as APAS e AMPAS, as familias, o persoal docente e non docente e, por último, a razón de ser de todo centro escolar: os alumnos. Trátase tamén de dar a coñecer o carácter singular desta institución xa que é un centro escolar cunhas características case únicas: é unha fundación (Fundación Félix Rodríguez González) sen ánimo de lucro, é dicir, que ninguén obtén beneficios económicos da súa xestión.

O libro está á venda nas librarías de Ponteareas e no propio centro ao prezo de 15 €. Os cartos recadados van destinados exclusivamente a un proyecto de colaboración coas escolas de Guatemala que podemos ver neste video: