A nosa horta ecolóxica

Equipamentos - Horta Ecolóxica

Por se alguén o dubidaba, os pequerrechos do colexio comemos moitas verduras. Pero non pensedes que nos gusta calquera. O que nós tomamos é primeira calidade, como as leitugas e tomates que nós mesmos plantamos na horta.

A  horta escolar é un dos nosos proxectos de VOZ NATURA. Despois de que nas aulas se explique a importancia dunha alimentación equilibrada, os nenos aprendemos a cultivar hortalizas sinxelas e a experiencia gústanos  moito.

Primeiro hai que preparar a plantación para que colla forza no invernadoiro construído polos rapaces de tecnoloxía de 4º de ESO. Utilizamos caixóns e envases de plástico nos que sementamos as fabas e xudias e nos que plantamos tomates, leitugas, pementos, que aínda son pequenos. Logo colocamolos no interior do invernadoiro e visitámolo a cotío para ver como evolucionan. Ao cabo dunhas semanas, no mes de abril, as plantas xa están un pouco fortes, e os alumnos e alumnas preparamos a horta: abonamos, facemos os buratos,...

É un dos proxectos que levamos a cabo con máis ilusión dende o curso 2007-2008 en que comezamos coa idea. Os nenos aprendemos de cerca o proceso de crecemento de diferentes plantas. No Magosto sementamos castañas e landras que tamén están un tempo no invernadoiro. Os alumnos de tecnoloxía de 4º de ESO instalamos o rego por goteo.  Ao final algúns de nós levamos leitugas e tomates para comer na casa, e que ricos saben!


Pasan os anos pero a nosa horta sigue dando froitos.